viernes, 19 de enero de 2024

UNHA DAS TRES MARÍAS


Xusto no momento en que me metía na cama para dar as típicas cabezadas da sesta (as miñas sestas son de 10-20 minutos), asomou á miña cabeza a palabra FEN. Estas siglas fixéronme sorrir ó momento. Porque me lanzaron a aquela infancia e adolescencia do colexio dos Milagres e desa materia que, penso, ninguén entendía nada. Creo que era a máis aburrida de todas as que tiñamos e de todas as que tiveramos nunca.


FEN. Formación do Espírito Nacional. Transcorridos xa máis de 50 anos deses tempos, recoñezo que botei man da Wikipedia para lembrar e saber algo máis dela. Obrigatoria no plan de bacharelato de 1953 durante, por suposto, o franquismo. Nese ano, eu, aínda non nacera e a min colleume tal materia nos primeiros anos 70. Precisamente en 1970 a Lei Xeral de Educación (a derradeira lei educativa franquista) cambioulle o nome por Formación Política, Social e Económica. Para nós seguía a ser tan só FEN. Que entendían uns rapaces de 10-13 anos sobre política e economía? A esas idades só sabías que o tempo non corría e que o recreo facíase de rogar. A esas idades só querías saír ás carreiriñas das aulas para xogar ó fútbol ou fumar ás agachadas.

A materia de FEN tamén a coñecían como “as tres marías” (relixión, ximnasia e política), que se supuñan que eran as máis fáciles de aprobar, xa que se valoraba máis a actitude que os coñecementos. Como carallo ía ser a actitude neses tempos! De submisión, de sometemento total! Creo que non facía falta estudala para nada, xa que nos levaban dereitos coma velas e sen que se nos ocorrese rosmar.

Sobre a ximnasia tratará o seguinte Pingas, porque, para min, tamén tivo o seu aquel.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 16 de xaneiro de 2024

2 comentarios:

  1. Eu acordone , e o Filosofo Graña. Decía. No abrir o libro eso non vale. Pra nada .

    ResponderEliminar