domingo, 11 de febrero de 2024

ESPERANDO...


Esperando. Fóra, ós cachos chove e ós cachos vai sol. Fútbol na pantalla da televisión. Cun partido que non interesa moito. O esencial, o principal, o partido importante é o de despois. Mentres non chega este, espero. Espero contemplando como pasan os coches e mirando a mesa sobre a que teño o móbil e o café tomado.

Esperando. Vexo a través dos cristais como se moven as follas das árbores... impulsadas polo vento. O vento hai un cacho que fungaba; cando entrei na cafetaría. Agora, como estou ó acubillo, non sei se funga. Imaxino que si. Sigo dicindo que se moven as follas... das árbores e das plantas.


Esperando. Mentres espero case aseguro que a vida segue, que o tempo pasa, que as nubes semella que corren e que o ruído da televisión penetra nos meus oídos, xusto no momento no que o locutor fai aínda máis ruído porque está cantando (mellor aínda, berrando) un gol.

Esperando. Cando non sei que facer, mordo as uñas. Tamén lle boto olladas á televisión, ou sexa, ó partido. Como tamén miro para un lado e para o outro; miro para a rúa e vexo nenos disfrazados. Nótase que ferve o entroido. Ata a camareira está disfrazada.

Esperando. Agora que cada quen lle busque tres pés ó gato. Eu busco canarios en Asturias e sapoconchos nunha piscina municipal. Busco troitas correndo polo río Arnoia e luces nun cuarto de baño escuro. Agora que cada quen pense se o que busca, encontra. Eu, daquela, sigo esperando e a ver que pasa.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Sábado, 10 de febreiro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario