lunes, 5 de febrero de 2024

O HOME DE ASUNCIÓN


Falei co home de Asunción, ó que, por certo, non lle coñecía o nome, sobre un asunto no que os biosbardos bailaban ó son dun ladrido do meu can Uriarte. Miroume un pouco estrañado e díxome que a min non me coñecía de nada.Eu tampouco te coñezo moito”, díxenlle, “pero sei que es o home de Asunción”. “E que?”, preguntoume. “Nada. Que só tiña ganas de falar contigo”.


Agora xa me mirou de mala maneira, e de esguello! Pero antes de que dixera nada, volvín a falarlle sobre a cuadratura do círculo colgada dunha galla dun carballo e asubiando. Rosmou de que non sei que me mallaría coa galla do puto carballo. Con boas maneiras pedinlle calma. Non fixo moito caso; primeiro deume un empurrón suave e, cando viu que eu deixaba aflorar un sorriso, quixo lanzarme incluso unha labazada. Esquiveina, eludina, sorteeina; son eu o tal para deixarme zoupar. “Pero, home, que fas”, solteille. E fixen coma un neno pequeno: “Mira que llo digo a Asunción”.

O home de Asunción esbardallou e braceou de tal forma que non me quedou outra que recuar uns pasos. Ó mesmo tempo solteille un pequeno discurso sobre o discernir da Santa Compaña polas carreiras das Pedradarcas. “Non sabes onde quedan as Pedradarcas?”. “Alá en Baños de Molgas, tirando para o outeiro de Vide”, acabei por confesarlle.

Cando notei que o acaloramento do home de Asunción ía a máis -incluso se lle notaba como o sangue lle subía ás meixelas-, recuei uns pasos máis e só me atrevín a dicirlle que lle dera recordos a Asunción. Sorrín e, antes de que reaccionase, dei media volta e marchei.


Café Paseo de Ramoleox. A Valenzá. Sábado, 3 de febreiro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario