jueves, 15 de febrero de 2024

ESTIRAR A PATA


Como pensei que estiraba a pata ou que estarricaba a perna, achegueime a unha igrexa por aquilo de... Ora hai moitos anos, moito tempo que a igrexa, a relixión xa non conta practicamente nada no meu devir diario. Porén, recoñezo que aquel hábito de tales crenzas, de tales asistencias a misas, rosarios, enterros e demais beataría sempre están un pouco aí. Iso de estar aí é coma o hábito, a costume de, por exemplo no fútbol, cando España marca un gol: que me alegro, que o celebro, mesmo berro, aínda que na realidade me sinta galego. Só me sinto galego!


Pensei que estiraba a pata porque me botara a correr pola finca chea de patacas, engarrara nun caxato do estrume que sobresaía e caera de fociños sobre a planta dos tubérculos. Aí lembrárame da igrexa e da relixión de dúas maneiras: pola xa dita de estirar a pata e, claro, exclamar un meu Deus! de axuda divina; e pola de acordarme dese mesmo Deus e demais figuras celestiais en forma de insultos, inxurias, ofensas e, como non, os chamados antes pecados: os mortais e veniais. Hai que recoñecer que unha simple caída sobre un pobre tubérculo foi como para, tamén, insultarme a min mesmo por crer no practicamente imposible. Ninguén estarrica a perna caendo sobre unha pataca.

Agora si, agora recoñezo que hai algo ou moito de esaxeración sobre todo o descrito. Menos, por suposto, faltaría máis, o de sentirme galego, só galego. Que quede escrito e moi clariño: só galego! E se alguén, ante isto, desexa ou pensa que debería estirar a pata, alá el; non o penso facer. Nin que afunda o mundo!


Café Beker. Ourense. Mércores, 14 de febreiro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario