lunes, 26 de febrero de 2024

POLO CAMIÑO ESTREITO


Deixo que o vento me leve polo camiño estreito. Son, fisicamente, pouca cousa e pódeme levar polo que queira. Prefiro polo do medio. Para non facer uso nin das dereitas nin das esquerdas. Politicamente falando non entendo de nada, aínda que opine o que me dea a gana.

Polo camiño estreito hai silvas que van de valado a valado e me cortan o paso. Fago uso da vara, da vara pequena. A aguillada déixoa para tanguer as vacas cando as xungo ó carro ou ó arado. Golpe a golpe, verso a verso como dicía aquel fago camiño ó andar.


Son pouca cousa pero nada se me resiste. Nin as silvas que atravesan, nin as serpes que axexan, nin os versos que se apearon do poema. Non tardo en xuntalos un por un, formar un feixe deles e cargalos nas angarellas da escolma poética, da miña escolma poética. De algo ten que valer que, na máis tenra, agarimosa e inocente xuventude, o bolígrafo tendese a escribir poemas. Hoxe son un poema sen versos.

O camiño estreito non me freou. Xa cheguei á fin, á meta. Con rabuñaduras causadas polas silvas, con mordeduras dalgunha que outra serpe e cos versos xa ben rimados nun libro enteiro. Nada me detivo e rematei preñado de amizade con ese vento que me levou polo camiño do medio, polo camiño estreito. Ninguén me pode dicir agora que son un vira chaquetas. Emporiso, como sigo a ser un poema sen versos, case é mellor que me pase a unha novela. A esa na que vou e veño ó meu albedrío, collendo ou non collendo calquera camiño.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Sábado, 24 de febreiro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario