Cando
iniciei as reportaxes para esta sección de Testemuñas da Memoria
cheguei a angustiarme ó notar que a miña vila, o meu entorno, os
meus coñecidos chegaría o momento no que se esgotasen e non sabería
xa sobre quen máis escribir. Logo, para máis aquel, sempre fun algo
cagadiño e non me vía eu furgando por aquí e por alá para atopar
personaxes ou temas. Creo que todos os "covardicas" botamos
sempre man da palabra escrita (ninguén nos mira ós ollos e non lle
temos medo ó non) para cuspir todo o que queremos, todo o que
levamos dentro. Polo menos a min a escritura sempre me deu ese "ter
cara" para pedir, para solicitar, para rogar. Así é que axiña
lancei un SOS polas redes sociais e polos correos electrónicos.
Algunha das respostas chegoume ó momento de Madrid: "Teño ó
meu fillo Javier que anda por aí, por Ourense, que teñen un espazo,
unha asociación composta de estudantes de Belas Artes e que fai
intervencións culturais no mundo rural galego". Máis ou menos
foi o que me dixo Mercedes, unha amizade madrileña dos anos 80. E os
seus desexos foron coma ordes.
Por
medio dela e dos meus correos foi como descubrín a Espacio
Matrioska, un grupo de estudantes e amigos da Complutense madrileña
que, hai tres anos, querían empezar a "facer cousas". Un
deses amigos era de Xinzo de Limia e seica sabía a historia dunha,
chamémoslle, devastadora xestión dun alcalde que quixo construír
unha Casa Consistorial nos Blancos, pero que, por culpa desa xestión,
a tal construción quedou en auga de bacallau. Os compoñentes de
Matrioska pensaron que esa era a súa ocasión. Falaron co novo
alcalde e este cedeulles o edificio "abandonado". A partir
de aquí é onde case se pode dicir que empeza a auténtica historia
de Espacio Matrioska.
Pódese
comentar perfectamente que, nun principio, foron nove os fundadores
de Matrioska e que con estes nove empezou a aventura. Pero durante
estes tres anos entran e saen continuamente rapaces que teñen algo
que dicir, ou algo que contar, ou algo que facer. A heteroxeneidade
dentro do grupo no relacionado ás artes plásticas, gustos e outros
mesteres, fixo que fora bastante fácil nun primeiro momento
determinar que papel desempeñaría cada un dentro da organización,
sen perder nunca a perspectiva horizontal que manteñen e queren
manter en todos os aspectos. Formaron unha comunidade e pouco a pouco
comprenderon a importancia do contorno. Unha das compoñentes, Laura,
cóntame que incluso fixeron unha festa (o 29 de novembro de 2014 e
que a consideran como a data de nacemento de Matrioska) para darse a
coñecer como asociación de intercambio cultural.
Querían
ser unha ponte entre o campo e a cidade facilitando a expresión
artística e cultural. Comezaron co calendario de actividades.
Calendario que se me guío por nomear todas esas actividades, xa me
faría falta todo o espazo que queda da reportaxe. De certames de
murais a residencias artísticas. De talleres de escultura, debuxo e
pintura ata cursos de serigrafía, teatro e deseño gráfico e
industrial. De música ó cine. De xogos a traballos agrícolas; coa
súa horta e o seu curral.
Crearon
xa un certame de pintura mural con carácter nacional onde se
chegaron a pintar cinco medianeiras en Xinzo de Limia, con traballos
de artistas de toda España. Organizaron o Festival Reina Loba,
quizais, hoxe en día, a súa actividade con máis éxito. Festival
no que se mestura a arte, a artesanía, a música, a ecoloxía e a
natureza creando un ambiente de comunidade, colectividade e
concienciación polo medio e para todos os públicos. Tamén xa
chegaron a pintar e decorar unha discoteca en Chaves e varios
colexios da comarca da Limia.
O
Espacio Matrioska leva a cabo proxectos de dinamización, produción
e xestión cultural creando alternativas ós modelos convencionais.
Todo isto nun local duns 600 metros cadrados que acolle diferentes
salas. Traballan en técnicas dixitais, como vídeo, foto, deseño e
ilustración. Aínda que esas salas adoitan mudar, transformarse
cando asoma un novo proxecto; onde había un espazo diáfano e
versátil, hai moreas de madeira para construír móbeis, latrinas e
ata pezas dun escenario.
Como
se ve, unha ducia de rapaces novos que queren promover a cultura
mesturada no medio rural, os proxectos mesturándose no contorno, as
actividades para "adultos" mesturadas coas actividades para
os máis "pequenos". Rapaces novos, "cualificados e
titulados, que actúan desde uns valores que ofrecen unha proposta
innovadora, contemporánea e potente dentro da realidade artística
actual e acollendo o medio rural como un eixe máis da mesma",
Laura dixit.
Café
Paseo de Ramoleox da Valenzá. Xoves, 19 de xaneiro de 2017
Publicado
en La
Región
o venres, 03-02-2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario