sábado, 4 de febrero de 2017

POLA CALLE DE BAÑOS DE MOLGAS


Lembro perfectamente as tardes ou as noitiñas que baixaba pola Calle de Baños de Molgas na busca dos caldeiros de auga quente para as vacas neses días de inverno nos que non podían saír para o monte. Cantas veces baixei e subín esa rúa. Cantos descansos facía porque eu, pobre cativo, case non podía cos baldes cheos. Cheos precisamente cando había que subir para a casa.
Pero tamén non había tarde na que non pousase o cu no mazadoiro da burga. Alí sempre había alguén para dar parola. Ás veces tamén me entretiña metendo e sacando as mans do cano da burga; aquela auga tan quentiña, aquela auga na que axiña tiña que retirar a man se non quería que me brasase, aquela auga que ciscaba polas feridas para que curasen máis rapidamente, aquela auga que bebía cando notaba que a gorxa empezaba a arder, cando notaba que a catarreira se faría dona e señora do meu corpo. Despois subía, lentamente, pola Calle cos caldeiros colgando dos debiluchos brazos.

Finca Fierro. Sábado, 4 de febreiro de 2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario