domingo, 5 de febrero de 2017

DA TARDE Á NOITE


Tarde de inverno. Tarde de chuvia e saragana. Tarde de sesta e lectura. Tarde de ordenador e música, moita música. Á media tarde, faltaría máis, houbo que saír, con paraugas, claro, a tomar café. E a ler algún xornal máis. Pola mañá xa lera outro.
De camiño, coches que pasan, ruído a chan mollado, xente que anda por debaixo dos balcóns ou galerías. De camiño tiven que ir en silencio porque o móbil anda que non anda e calquera lle mete dentro uns cantos temas musicais para pasar o tempo; abondo teño con que aguante algunha que outra chamada, se a hai. Tarde desapracible. De volta xa, tarde de ordenador e música, moita música. No ordenador pasando escritos que escribín nun caderniño que traio sempre comigo... dentro do libro, claro. Tarde de máis lectura. De lectura ata que a dona da casa berrou aquilo de... a cear! Total, que a tarde de inverno, de chuvia, de saragana, de lectura, de música deulle paso á noite. A noite que empeza con máis ordenador e máis música ata que chegue a correspondente película noitébrega.

Finca Fierro. Domingo, 5 de febreiro de 2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario