miércoles, 14 de junio de 2017

SEGUNDO É PORCA, É BONITA


Aínda que polas tardes sexa labrego, da casa á viña vou lendo e da viña á casa regreso lendo. Hoxe, cando ía para a casa lendo, notei un movemento que me fixo levantar a vista do libro. Nun principio semellóuseme un esquío, pero axiña vin que era unha bubela. A miña sorpresa foi maiúscula cando, ó ir achegándome, a condenada non escapaba. Raro, moi raro. Despois xa vin que era noviña.
Saquei o móbil, deille á cámara, aumenteille un pouco o zoom e, zas, dálle que dálle. E cada vez me achegaba máis, e ela nin caso. Houbo un momento no que ata confiei en que podía atrapala, collela. Botei de menos un jersei para botarllo enriba. Fixen intento de pillala, pero claro, voou. Pero durante un bo cacho e unha ducia de fotos vin toda a fermosura dese paxaro. Si, ten fama de porca porque anda sempre peteirando na merda; pero segundo é porca, é bonita, bonita de verdade. Cando estendía a crista, aquilo xa era o non vai máis. Foi a única recompensa que tiven nunha tarde de preto do 40 graos.

Finca Fierro. Mércores, 14 de xuño de 2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario