miércoles, 16 de septiembre de 2020

DISIMULANDO A CARRAXE

Ás dez e vinte e cinco pégolle un berro á noite para que a miña carraxe saia de súpeto e con forza pola ventá. Teño tal rabia sobre min que ata son capaz de morderme. Non o fago porque me doería. E mentres se poida evitar a dor... Non me queda outra, entón, que apertar as sens ou as tempas e deixar que o óso da fronte sufra un pouco. Dígoo doutra maneira: teño cara de ferreiro. Nin o grupo Milladoiro me alivia. Me cago no mundo! Agora vou disimular dicindo que tal carraxe é polos incendios que devastan a nosa provincia. Que non é verdade, porque o que sinto polo dos incendios vai moito máis alá dunha simple cólera; xa non ten nome.


Tamén disimulo dicindo que o cabreo que me encirra as entrañas é porque VOX quere que se ilegalice ó BNG. Tampouco é verdade que estea anoxado por isto, xa que, a estes, nin puto caso.
Inocentes!, que sodes uns inocentes! De todas as maneiras, e por se aquel, xa teño máis ou menos estudado o mapa para pillar o camiño máis curto para Portugal. Aínda que tamén teño a posibilidade de analizar o asunto ese de Venus, no que semella que pode haber vida alá. Sinceramente, quérolle ó país veciño, pero ante o espazo sideral, que se quite Portugal. Non me importaría fuxir para alá. Sigo disimulando que estou enfadado porque seguimos sen cumprir co uso das mascariñas ou dos bozos, porque tampouco é verdade. Simplemente estou que rebento porque o control sobre unha realidade é como atopar auga de bacallau no deserto. Ás dez menos dez da noite sigo berrando pola ventá para calmar esta ansiedade que me mata.


Finca Fierro. Mércores, 16 de setembro de 2020

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario