jueves, 17 de septiembre de 2020

O ALMORZO MOLGUÉS

Hai un mes máis ou menos aparecía neste xornal e na súa sección Historia en 4 Tempos un artigo de hai 50 anos do correspondente de Baños de Molgas, Sindo Froufe Quintas, sobre o licor café, esa bebida que, se non fora pola burga e o balneario, poría á vila molguesa no mapa, chamémoslle, turístico. Comparaba o seu selo cos viños máis famosos de España e o seu sabor que enganchaba (son abstemio e non podo corroboralo, pero só por oídas doulle a razón a Sindo Froufe). Remataba o artigo comentando que nos bares da vila molguesa era parada obrigatoria a dos traballadores ás nove da noite, en recompensa á finalización dunha xornada máis seguro que esgotadora.


Sindo Froufe dicía o das noites. Pero eu lembro xa aquelas mañás
nas que, de rapaz, ía coa xogada das vacas cara ós Cachós ou cara á poula da Lagoa de Almoite e ó pasar por xunto ó balneario, zas, atopábaste con aquela ringleira de máis xogadas de vacas paradas (ou ben con arados ou ben con carros) e varios burros, como se fosen hoxe coches e motos aparcados, porque os donos dos animais estaban “almorzando” o seu licor café no bar do Domarco. É certo que tal bebida se despachaba en todos os bares molgueses, pero quen realmente tiña a fama era o licor café do Domarco (o tío de Moncho Borrajo), que incluso subía xente da propia cidade de Ourense a tomar as súas copiñas. De aí esas xogadas de vacas nesas zona en concreto, que copaban as dúas beiras da estrada principal. Sindo falaba de que o beneficio do licor café era máis ben prexudicial para a saúde. A maioría dos molgueses saben ben a desfeita que fixo e a que aínda fai.


Finca Fierro. Xoves, 17 de setembro de 2020

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario