domingo, 6 de septiembre de 2020

XA SEN MEDO

Está o silencio contemplándose ó espello e non se reflicte. Quizais o espello non ensina o que debería ensinar. Están os de Califato 3/4 cantando “unha buleríâ del aire acondiçionao” polo que fan algo de ruído. Talvez por isto o espello non obedece ós meus desexos. Un espello debe amosar aquela esencia que un servidor quere ver. Pero quedo en silencio mirando sen ver.

Está o ruído navegando por entre as transparencias dun camisón, porque os latexos do corazón mancan incluso no peito ante tanta excitación. Quizais sería mellor apagar as ansiedades ante un espello no que se imaxine o que non se ve. Quero berrarlle ó ruído para que se quede en silencio. Quero sentir o desexo no meu peito. Quero escoitar a Rob Pattinson cantando “Never Think”.


Está a tarde tranquila ata que unha mensaxe anuncia que o tempo pasa e todo cambia, que a normalidade, pouco a pouco, asenta sobre a desesperación dun encontro. Foron días de desconsolo e medo. Xa o dicía un tal David Fischman: que o medo é a emoción máis difícil de manexar, que a dor chórala, que a rabia bérrala, pero o medo atrápate silenciosamente no corazón. Mais xa non hai medo. O espello, co tempo, reflectirá os días perdidos e os desexos acochados. E rachando o silencio aparecerá Nina Simone cantando “Wild Is The Wind”. E cando remate, volverán o silencio, o ruído e os desexos a aniñar no meu peito. Pero xa sen medo. Agora si miro de fronte ó espello e vexo esa luz que, antes, estaba apagada. Agora brilla baixo a transparencia dun camisón.


Finca Fierro. Domingo, 6 de setembro de 2020

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario