martes, 8 de septiembre de 2020

FAUNA NOCTURNA

Levaba moito tempo sen circular co coche polas noites. O outro día tocoume de levar os sogros á súa aldea. Estaba a ver o partido de fútbol entre Holanda-Italia e foi xusto no descanso do mesmo cando me dixo a muller de levalos á casa, que viñan do centro os tres. Axiña empecei a facer contas: que entre o descanso e a segunda parte do partido podía moi ben facer a ida e volta para, así, poder chegar a tempo de ver a correspondente película nocturna. Así é que tiña presa. Non obstante, á altura dos pobos aminoraba un pouco a velocidade por culpa da fauna nocturna, como lle chamou a muller, máis en concreto, do xabaril. Sei que cada vez se achegan máis ós pobos para buscar o seu sustento.


Emporiso, pasei Trelle sen atoparme con nada de nada.
Ó pouco, e cando estabamos a falar precisamente deles, nun traxecto no que acelerara un pouco, zas, alá vemos un enorme na cuneta. Foi cando caín na conta de que estabamos á altura dun souto de castiñeiros e intuín que andaba á busca e rebusca dos ourizos que, por unhas ou outras causas, empezan a caer. Uns vinte metros máis adiante tiven que volver frear porque, alí, si; alí cinco crías de xabaril campaban ás súas anchas por toda a estrada. De verdade, entendo que fan moito dano na agricultura, pero son tan bonitos... Ante unha cría tiven que frear por completo para deixar que cruzase a estrada. E xa no alto dos Castros, nun intervalo de poucos metros, dúas corzas escapaban ante as luces e a presenza do meu Pancracio. No ceo, a lúa, en cuarto minguante, brillaba sobre San Tomé. A fauna nocturna empezaba a vivir.


Finca Fierro. Martes, 8 de setembro de 2020

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario