miércoles, 9 de septiembre de 2020

POLO SONETO

Pico no nariz dun pallaso e déixome caer desde o primeiro verso dun soneto. Aterro suavemente. E sento amodiño sobre un penedo. Onde penso. Penso que a alegría vai por barrios e as bágoas forman unha lagoa na que poden nadar (ou afogar) os sentimentos. Claro que, a estas alturas, quen ten e onde están os sentimentos. Sinto como o toxo traspasa a miña pel para inxectarme un devezo. Penso nunha canción, nunha canción calquera para espallala ó vento. Pero non a canto, tan só a asubío. Porque non sei cantar e asubío coma os anxos.


Desde o pen
edo agatuño ata o segundo verso do soneto. Alí contemplo a vida pasar e o barullo converterse en silencio. Que bonito é estar calados cando non se sabe que dicir. O silencio é coma o verso que está por escribir. O ruído é o latexo ou o alustre dese futuro verso. Con calma e sen medo salto tres versos do soneto. E desde este quinto verso case quero oulear de contento. Sempre presumín de deixar caer gargalladas a eito. E cando río case se pode dicir que ouleo. Son o lobo do conto que nunca se acaba; ou que namora. Sigo baixando e subindo, subindo e baixando polo soneto. En cada verso que me deteño pégome coa algarabía e abrázome ó silencio. Porque soñar en silencio é coma soñar esperto... moi bonito. En silencio abrazo a flor de toxo, descanso no niño da rula e ouleo tan só co pensamento, que para iso estou en silencio. De verso en verso percorro todo o soneto e nel están todos os meus sentimentos. Que tamén os teño. Remato cun ouleo de desespero. Ou de contento. Ás veces, nin eu mesmo me entendo.


Finca Fierro. Mércores, 9 de setembro de 2020

 

1 comentario: