lunes, 14 de septiembre de 2020

VENDIMA FAMILIAR

Estou suando. Debe ser polo bochorno. Ó mellor é porque ó rematar de cear metinlle ó estómago un bo acio de uvas. Hoxe fun axudar a unha vendima e, claro, apañei algo para a casa. A de hoxe si que se pode dicir que é unha vendima agradable, familiar, rápida e boa de levar. Eramos catro, empezamos ás dez e tres horas máis tarde xa estaban as uvas estrulladas. Esta vendima é desas das que quere coñecer a xente, da presunta camaradaría que existe nese traballo. Porque, claro, en tres horas non te cansas moito. Falas con este, murmuras con aquel, rislle a aqueloutro, chíscaslle o ollo á moza, contas chistes verdes. Nin punto de comparación coa “miña vendima”, aquela que duraba de tres a cinco días, desde as oito da mañá ata as nove da noite. Empezaba contento e remataba anoxado. E cansado. E dorido. E fundido. Claro que non é o mesmo vendimar menos de dez áreas que unha hectárea. Así é que hoxe fixen unha vendima moi a gustiño.


O que non teño a gusto agora é o estómago. Está a tope. Logo, para máis aquel, dobrado sobre unha cadeira para poder escribir. Súo. Debería pasear sempre algo despois de comer. Antes facíao, hai moitos anos; agora, despois de xantar, boto unha cabezadiña e, despois de cear, sento ante o ordenador. Estoume deixando ir. Estoume descoidando. Pero como dicía aquel: de algo hai que morrer, non si? Aínda que eu, xa sabedes, máis alá dos 100. A min non me leva calquera demo! Si, o meu máis seguro que sexa de inferno, pero é algo que non me preocupa. Despois de morto... que me quiten lo bailao.


Finca Fierro. Luns, 14 de setembro de 2020

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario