domingo, 13 de diciembre de 2020

A LISTA NEGRA

Ás catro menos dez da tarde dun domingo calquera boto man da lista negra para saber a quen lle teño que dicir catro cousas. Despois, sempre serán máis alá de catro. Porque ó empezar todo vai en aumento. E a carraxe sobe, e o veleno mata. Asoma na lista negra aquel penedo enorme que alguén deixou caer no medio do camiño para que ninguén tire cara á adiante. Como ás veces custa moito arrodear os desgustos da existencia, non queda outra que facer de tripas corazón ou tragar un pouco de fel e mover o penedo. O penedo é enorme. Pero a forza de vontade é inmensa, infinita. Así é que vístome de heroe de cando os cómics estaban de capa caída e empurro no penedo con todas as miñas forzas. Xemo. Estralan os ósos. Puta lista negra! Para que eu apuntaría iso nela.


Busco outra liña, outro obstáculo, outra sentenza e encontro o camiño dunha toupeira. Pero non a ela. É escorregadiza. Mais como non a atrape faime unha desfeita na horta dos meus sentimentos. Vixío o seu montículo de día e de noite, uso os ollos de Supermán para traspasar o seu carreiro e non hai maneira. A toupa será cega, pero anda que non me marea. Maldita lista negra.

A lista negra non me soluciona nada. Non sei para que a traio comigo. Canto máis miro para ela, máis carraxe me entra. Xa nin tan sequera sei ser heroe nos tempos nos que a Marvel impera. Opto por coller a lista negra, facer un nobelo e xogar ó fútbol con ela.


Finca Fierro. Domingo, 13 de decembro de 2020

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario