viernes, 25 de diciembre de 2020

CHEGA UN XINETE LIBRE E SALVAXE

A nube de po asoma polo horizonte e sei a tiro fixo que quen vén cabalgando é Billy O Torto, un xinete libre e salvaxe. Cruza as verdes pradarías con cara de poucos amigos, aínda que á hora da verdade, seica é un cacho de pan. Iso é o que din. Pero sempre, cando estamos na cantina, alguén, ó falar del, acaba dicindo que chega un xinete libre e salvaxe. Eu non o coñezo e quero coñecelo. De aí que non perda ollo da voaxa que cada vez se achega máis á aldea na que nos atopamos, unha aldea do Salvaxe Oeste, claro.


O de libre e salvaxe semella que é porque non ten acougo en ningún lado, ou sexa, un cu de mal asento e que por onde pasa imparte xustiza. Iso si, á súa maneira. Que tamén din que non é nada fina. Mais hai que entender que vivimos nuns tempos convulsos nos que é moi fácil botar man ó cinto e sacar o revólver ou colt por un quítame alá esa palla ou por unha mingurria de nada.

Billy O Torto chegou por fin á aldea e fíxoo cun sorriso medio torcido e un mirar coma de esguello. Botou pé a terra e recoñezo que me impresionou polo seu físico; semellaba un deses personaxes de Marcial Lafuente Estefanía: alto (uns seis pés e medio), guapo e con ollos verdes. Imaxino que sería tamén veloz sacando o revólver. Seguro que o máis veloz. Achegueime a el, faleille dun autorretrato e da primeira labazada mandoume ó medio da rúa. Mireino cun pouco de xenreira e souben, si, que acababa de chegar un xinete libre e salvaxe. Pero desde ese momento, Billy O Torto non era santo da miña devoción ou o que é o mesmo, que non iría no meu carro á misa. Alá podreza nas pradarías do inferno.


Finca Fierro. Venres, 25 de decembro de 2020

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario