viernes, 11 de diciembre de 2020

OS ENREDOS DA VIDA

Os enredos da vida son como esas silveiras que te enganchan e non te deixan mover. Os enredos da vida son coma nobelos que se enrolan e enrolan para facerte crecer pero sen saír da situación na que estás. Botas unha manta á cabeza e tiras para adiante ata que tropezas cos remorsos da conciencia. Todo se enlea ou se enguedella e veste negro para saír do feixe dos recordos. Os enredos da vida borran aqueles versos que saíron un día no que o amor era poesía. Agora o amor é un río que hai que goldrar con parsimonia para alcanzar con moita calma a marxe do outro lado. E despois clamar para que non todo o mar sexan peixes, é dicir, para que non todo o monte sexa ourego, ou o que é o mesmo, que non todos os días son días santos. Sempre haberá días nos que se nos embeleñará a vida.


Por veces, os enredos da vida non te deixan mover. E non nos movemos para non facer ruído. O ruído, se se enreda na cabeza, tamén te mantén prisioneiro das ansias. E pechados acumulamos carraxes ou irritacións que, ó saír, queremos expulsar aínda que manquemos a alguén. Os enredos da vida ensaríllanse de tal maneira que te atan e te apertan ata que case te afogan. Ás veces custa moito desenvolver o nobelo. Podemos botarnos ás boleiras por Sudalomba abaixo que, como non, acabaremos enredados na Regueira das Perdices. Porque a vida é unha bóla de fío que, as máis das veces, é difícil de desenvolver. Non obstante, aquí estamos para desenredar os sentimentos, as accións, as sensacións, os feitos que se enredaron. Ou sexa, a vida.


Finca Fierro. Venres, 11 de decembro de 2020

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario