jueves, 17 de diciembre de 2020

A TORMENTA PERFECTA

A tormenta perfecta é aquela na que cando se xuntan os elementos semella que vai rebentar o mundo e estourar o universo. Aínda que non rebente. Aínda que non estoure. Todos sabemos que a tormenta perfecta pode estar moi perfectamente nunha simple frase ou simplemente nunha única palabra. Hai tormentas perfectas nun vaso de auga. E nunha ollada. E non xesto ou ademán. A tormenta que acontece cando trona e alustra seica se debe a que, no ceo, andan Deus e o diaño a patadas. Iso era antigamente; agora é que están xogando ó fútbol: unha patada, un lóstrego; unha falta, un trono.


A tormenta perfecta desenvólvese practicamente todos os días no Congreso dos Deputados ou nas reunións políticas; todos soltan alustres coas súas opinións e ningún intenta asomar cun raio de sol; todos berran desde as bancadas e nos corredores deixan que a tormenta amaine. Díxose sempre: logo da tempestade, chega a calma.

A tormenta perfecta remexe os versos dun poema e aniña nas reviravoltas do insomnio, do desvelo nocturno, de cando os pensamentos intentan esquivar unha e outra vez as nubes negras. Hai tormenta perfecta na vida diaria, no propio descanso e na combinación da frauta de Carlos Núñez coa voz de Luz Casal para que estoure a negra sombra de Rosalía de Castro. E sempre haberá unha tormenta perfecta naqueles sentimentos que quedan presos ou que afogan en certos momentos. A tormenta perfecta alaga, asolagará e inunda os pesadelos de certos contos e dos encontros que se realizarán estes días.


Finca Fierro. Xoves, 17 de decembro de 2020

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario