jueves, 31 de diciembre de 2020

VELOCIDADE DE CRUCEIRO

Ás dez e cinco da noite collo velocidade de cruceiro, e non son un barco. Tampouco é que vaia correndo por un cruce. Simplemente corro porque me gusta correr. Sempre me gustou correr. Ás veces corro tanto que ninguén consegue botarme a man. Por veces queren colocarme un muro diante, pero eu sigo correndo e arrodéoo. Non son parvo. Porque vexo que o muro é tan alto, tan alto que me será imposible saltalo. A solución é fácil: arrodéoo correndo. Sempre estou correndo. Non me gusta estar quieto. Ante isto, alguén pode dicir: anda tan só. Pero andar tan só é tan aburrido...


Corro dun tema musical a outro porque me gusta a música e porque non quero escoitar sempre o mesmo tema. Aínda que me guste ben. E hai temas que me gustan máis que ben, que me gustan moito. Corro detrás dunha rula porque tamén me seducen as rulas. E non digo nada se á rula lle consigo ver un sorriso. Porque hai rulas que sorrín. Corro por un outeiro arriba para correr despois para abaixo, claro. Por correr ata corro detrás dos pensamentos. Ó mellor é detrás dos sentimentos. Ás veces confundo uns cos outros.

Cando corro durmido é porque estou soñando. Pero xeralmente corro esperto polos carreiros da memoria ou polas rúas da nostalxia. Cando corro por estas, procuro facelo por debaixo dos balcóns. Pode chover e non me quero mollar ou podo que asome alguén e que me rebente o corazón coa ansiedade. Por correr ata son capaz de correr detrás dun sombreiro. Así é que... apartade, que levo velocidade de cruceiro. Aínda que é noite pecha, sigo correndo. Nunca deixarei de correr.


Finca Fierro. Xoves, 31 de decembro de 2020

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario