viernes, 23 de junio de 2023

EXAMES ÁS NOVE DA MAÑÁ


Imos alá coa intelixencia dalgúns seres humanos. Un estudo revela que as nove da mañá é a peor hora para facer exames. Iso está á mesma altura do descubrimento da pólvora. Ás nove da mañá a maioría aínda están soñando cos anxos ou con bombas caendo a esgalla, como para pensar en que a área do círculo é pi erre dous. E mirade que esta é ben fácil, basta con seguir a ladaíña de “cosa más fácil, válgame Dios, área del círculo: pi erre dos”.


Ás nove da mañá algún aínda trae as lagañas, as carrañas nos ollos, como para que consigamos ler as preguntas do exame. A mente aínda está atrofiada, durmida. Como para facer un exame de filosofía. A esa hora aínda non se razoa ben.

Para un servidor, facer exames non lle era boa hora ningunha; nin as nove da mañá, nin as catro da tarde. A nugalla vencía sempre ós usos horarios. E non só nos exames, senón moito antes, é dicir, na preparación de tales probas. Sinceramente, a miña galbana ou preguiza foi dona e señora durante os nove meses de todos os cursos escolares, incluso naquel que repetín: segundo de bacharelato, daquel bacharelato antigo, daquel dos anos 70.

As nove da mañá é unha boa hora para contar as aventuras do día anterior e para narrar os soños que se soñaron, tanto espertos coma durmidos, durante toda a noite. Ás nove da mañá deberían prohibirse os exames! Así de simple.


Bar Paco. O Vinteún (Ourense). Luns, 12 de xuño de 2023

No hay comentarios:

Publicar un comentario