martes, 20 de junio de 2023

SENSACIÓN DE BALEIRO


Que sensación de baleiro teño! E resulta que estou cheo de follas secas espalladas polas estradas dos recordos. Non hai coma os recordos. Son historias que van e veñen neses momentos nos que o silencio calma os nervios e nos que a vida se divide por etapas e experiencias.

Estou cheo de bambáns nos que os sentimentos bailan, os abafos afogan, as viaxes cansan, os poemas contan e as verdades asoman. Non hai nada máis bonito e máis inmenso que a verdade. Esta enche o baleiro que manca.


Sinto que se enche de vocábulos esta memoria miña na que, palabra a palabra, liña a liña e parágrafo a parágrafo, o relato, o conto, a historia, a novela queda descansando na folla cuadriculada dun caderno co que me agasallaron. Caderno que, máis ou menos, todos os días enche ese baleiro que teño a diario. En todos os días sempre hai algún momento no que o baleiro raña, refrega, rabuña na alma.

Encho o instante con historias do tempo pasado, de cando un rapaz transportaba cubos de auga quente desde a burga ata o barrio da Igrexa para darlle de beber ás vacas naqueles días de inverno nos que non podían saír ó monte. Á auga botábaselle unha lata daquelas das sardiñas chea de fariña, coma se fora o avecrem ou o caldo de pita dos humanos. Para darlle sabor e substancia.

Que sensación de baleiro!, pero como encho a vida cos mellores momentos! Porque avida transcorre a base de instantes, de momentos.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Xoves, 8 de xuño de 2023

No hay comentarios:

Publicar un comentario