miércoles, 28 de junio de 2023

NUN PRESEBE


Son o fillo da Consuelo, a do Loureiro. Miña nai pariume ás cinco da mañá no presebe dos becerros. Unha hora antes baixara á corte porque oíra bruar moito a un xato e quixo saber que pasaba. Logo de asegurarse de que non había nada estraño, chegáronlle as dores e non lle importou parir entre os dous pequenos becerros; un deles con tan só poucos días de existencia. Ela mesmo pensou que a vida atraía á vida.


Non sei se foi polo lugar de nacemento, pero de cando en vez, brúo coma un becerro, principalmente cando toca a hora de comer. Tamén moi a miúdo falo con eles e, iso si, a sesta bótoa sempre á súa beira. Os dous xatiños xa me teñen cariño e eu quérolles moito.

Aínda sen bautizarme, todo o mundo me chamaba Eliseo e, polo baixiño, O Loureiriño. Contan as crónicas dos poucos veciños da aldea que era moi riquiño. Era de bo levar, sen moitos choros, sen dar traballo para comer e durmindo a perna solta. Que raio, era o orgullo da casa dos da Toupeira. Así se coñecía a toda a miña familia de parte de pai.

Ó saír da escola tamén seguía na miña cabeza o meu lugar de nacemento: os deberes facíaos no presebe mentres os becerros merendaban os seus mangadiños ou mañizas de outono. A táboa de multiplicar memoriceina con eles. Multiplicaba un número por tal outro e, unhas veces un xato e outras outro, cos seus bruídos cantábanme os resultados. Tamén eran listos de carallo.


Cafetaría O Balance. Ourense. Sábado, 17 de xuño de 2023

No hay comentarios:

Publicar un comentario