jueves, 29 de junio de 2023

PROBLEMAS


Quixen merendar espiñas de bacallau e dixéronme que me podía atragoar. Merendei cirolas de Madagascar. A min dáme igual. Para comer nunca tiven problemas. Nin para comer nin para nada. Son un home que non teño problemas. Nin os causo. E se os causo, é sen intención. Entón, que cada pau terme da súa vela, ou cadaquén que atenda ó seu


Non teño problemas porque nada fago, nada digo e, se escoito algo, fago coma que non oio. Para que buscar problemas? Co ben que se vive coa preguiza aniñada na alma. Problemas os ten quen os busca. Eu non movo un dedo para nada. Por veces, mesmo non fago de comer para que non se produza o incendio na cociña. E debido a que como de todo, non me importa comer de seco ou rillar as espiñas de bacallau. A xente pensa que podo afogar atragoado, pero rílloas ben rilladas e todo baixa.

Hai xente que sofre porque ten problemas. Eu déixoos deitados nun colchón de follas de millo e son ás chinches e ás pulgas a quen se lles bota o mundo encima. Nunca tiven problemas, non teño problemas e sei seguro que nun futuro nunca terei problemas. Sei vivir a vida sen problemas.

Por que me vou angustiar por isto ou por aquilo? Non lle fago caso a isto nin a aquilo e vivo coma Deus manda. Problemas os ten quen non sabe vivir. Eu vivo ben. Merendo, ou xanto, ou ceo cirolas de Madagascar ou paxaros de Portugal e xa me sinto un Sabina celestial. Problemas? Quen dixo problemas?


Cafetaría Urgencias. Ourense. Sábado, 17 de xuño de 2023

No hay comentarios:

Publicar un comentario