domingo, 11 de junio de 2023

UNHA AUTÉNTICA TOLEMIA

Erguín o cu do asento e marchei. O asento era (aínda é) de pedra. O bonito ou o peor de tal acción é que erguín logo de 33 días xustos sentado. Nin un minuto arriba, nin un segundo abaixo. Sentei ás 00:00 do día 1 de maio e erguín ás 00:00 do día 3 de xuño. Levantei cunha cor que xa non sabía se era azul, gris ou branca. Levantei completamente esgotado. Foron moitos días. Moitos. E sen nada debaixo. Só a pedra, a dura pedra. As miñas necesidades realizábaas por sonda. Comer, si; comer, comía ben. Traíanme a comida e mesmo parolaban e me facían compañía.


Tal acción, tal loucura fíxoseme dura. Aínda máis que a pedra. Porque esta é a que está pegada á miña casa, que está nunha rúa pequena, na que case xa non hai veciños, polo que a soidade rabuñou moito no meu benestar. Certo que, pola noitiña, case sempre asomaba alguén para que rematase o día algo máis contento, coa ilusión xusta para vencer á noite e iniciar ben o día seguinte.

A presenza desa xente foi un gran aliciente, un gran acicate, pero o que realmente me mantivo o cu pegado ó mazadoiro foron as miñas ansias de bater un récord. Moi fácil de facelo, xa que o anterior tíñao un de Cachagonza, tamén do concello de Baños de Molgas, que botara 23 horas sentado. Eu... 33 días! Unha auténtica tolemia, pero dunha heroicidade inmensa.

Ó querer andar case marcho de fociños contra o mazadoiro de enfronte. Naquel momento semellaba o Rambo de Baños de Molgas... non sentía as pernas!


Cafetaría Urgencias. Ourense. Domingo, 4 de xuño de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario