lunes, 18 de septiembre de 2023

CANDO ME DIXERON...


Cando me dixeron que a estrutura orgánica dun piollo era case o mesmo que o esparto dunha reata, souben que o asubío dun grilo era coma o ruxerruxe dun xordomudo. As cousas, ás veces, non son como parecen. Ou si. O asunto ten o seu aquel. É complicado. A maiores de que somos moi propensos a esbardallar sobre a conciencia dun sapoconcho. Sen saber que tal sapoconcho ten parada e fonda na lagoa de Almoite.

Cando me dixeron que o fouciño de Robustiano Sarmiento aterrara sobre a cabeza de Dosindo Alustro, souben ó momento que as pingas de sangue salpicarían todo o monte Medo. Hai que ver como é a xente cando se cabrea! Non o pensa dúas veces. Menos mal que todo quedou nun susto, e grazas ó piar dunha laverca que alertou á garda civil, a cal, por sorte, pasaba por alí. Entón, a liorta non foi a maiores. Dosindo pode contar o conto e Robustiano rumiar o delito entre reixas. Repito: as cousas non son como parecen. Ou si.


Cando me dixeron que os latexos do corazón dunha carracha eran practicamente coma un chiscar de ollo dun saltón, souben, faltaría máis, que os remansos do río Arnoia deixaban ver con claridade os cágados que actuaban sobre un simple coio unha obra de teatro de Vicente Risco. Agora, cada quen que aplauda ou non, que aclame ou non, que agasalle ou non ós actores de tal comedia. Entendendo por comedia a seca que se apodera do río Arnoia ó seu paso por Baños de Molgas.

Cando me dixeron que todo era unha quimera, un esperpento, unha carallada, souben ó momento que tal observación era certa.


Café A Pedreira. A Valenzá. Luns, 4 de setembro de 2023

No hay comentarios:

Publicar un comentario