viernes, 15 de septiembre de 2023

PETRÓGLIFO DA ERA MESOZOICA


Hai unhas noites partín coa risa ó contemplar unha noticia pola Sexta mentres estaba ceando. Un petróglifo de 30 séculos tiña en realidade 30 anos. Mirei para a muller e, rindo, saíume da alma: coma o meu escudo! Que digo!, o meu escudo é moito máis vello que ese petróglifo. Fago referencia ó escudo do Real Madrid que, o 27 de xullo de 1976 (acaba de cumprir 47 anos!), esculpín nun penedo de Barricobos, en Baños de Molgas. Así é que se ese “petróglifo neolítico” ten eses séculos, o meu, que é moito máis antigo, é da época dos dinosauros. Seguro que, dentro duns anos, eses historiadores listos catalogarán tal escudo, tal figura como petróglifo feito con moito xeito e aínda máis paciencia.


A realización do escudo do Real Madrid, a verdade é que foi sinxela. Unha tarde, logo de botar as vacas do lameiro do Río Vello para o comunal de Barricobos, déuseme por debuxar cun vulgar caxato o escudo. Cun caxato porque o penedo producía algo de lique e, así, notábanse perfectamente as liñas, as marcas, o debuxo. Ó día seguinte, e facendo o mesmo coas vacas, púxenme á faena cun simple ferro que facía de punteiro, e que atopara por alí mesmo, raña que raña (non golpeaba moito o punteiro porque o penedo é deses ós que se lle soltan axiña as capas), furga que furga e, en pouco máis dunha hora, quedou xa para a eternidade, é dicir, para a era mesozoica. Á súa beira asinei co meu alcume e coa data final, hai máis de 47 anos. Moitos máis que os 30 do petróglifo neolítico de Santa Coloma de Cervelló. Nin punto de comparación co de Barricobos!


Café Brétema. A Valenzá. Xoves, 31 de agosto de 2023

No hay comentarios:

Publicar un comentario