lunes, 11 de septiembre de 2023

CHANZO A CHANZO


Escaleira ó ceo. Creo que era unha canción de Led Zeppelin. Eu quixen intentalo. Subila, claro. Empecei chanzo a chanzo. Xa perdín a conta dos que levo e dos días transcorridos. Cando empecei aínda era un rapaz inocente e, agora, son un vello aínda máis inxenuo. Porque, isto, hai que recoñecelo, é unha inocentada. Máis ben, unha trapallada, unha chafallada.


Pero aí sigo, sube que sube. Pasei xa moi cerca da lúa. Aínda me queda moito por alcanzar Marte, e Xúpiter, e Saturno, e Urano, e Neptuno, e o pobre Plutón... e o ceo segue estando no quinto carallo. Non obstante, non renuncio, non recúo. E iso que, o peor, será logo a baixada. Tamén se di moitas veces que é peor baixar que subir.

Aínda que, tal como vai o asunto e tal como pasa o tempo, ó mellor non baixo nunca. Porque me dá que isto de alcanzar o ceo non é como se conta, nin como se pensa. Emporiso, acaba de ocorrérseme que, se chego, se algún día chego, e para que a baixada sexa máis rápida, a mellor solución será deixarme caer, que é o mesmo que tirarme en picado. Seguro que chego abaixo moito antes que choutando de chanzo en chanzo.

Tranquilos todos, tamén sei seguro que caerei de pé. Sempre caio de pé. As veces que me tirei desde o campanario da igrexa de Baños de Molgas e as veces que me lancei ó río Arnoia desde a ponte das Cepas, caín de pé.

O problema estará en cando me deixarei caer. Porque o puto ceo segue no quinto inferno e eu sigo, dálle que dálle, chanzo a chanzo.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Martes, 29 de agosto de 2023

No hay comentarios:

Publicar un comentario