miércoles, 6 de septiembre de 2023

UN RESUMO MOI SINXELO


O resumo da miña vida é fácil, sinxelo: nacín, vivo e... morrerei. Xa está. Para que quere a xente saber máis? Todos durmimos, erguemos, estudamos ou traballamos ou facemos o parvo, para rematar durmindo outra vez e volta coa ladaíña. Un día detrás doutro. Uns viven mellor, outros peor e outros nin tan sequera saben que están a vivir. Ó final morremos todos e, xa de mortos, que máis dá. Ó morto que lle importa o que veña por detrás. E aínda que lle importe, nada pode facer.


Na miña vida sempre hai un antes e un despois de cada cousa, de cada tempo. E que? A quen lle importa? Se alguén ten interese, que pense na súa propia vida, na que tamén haberá un antes e un despois de cada acción. A maioría das veces complicámonos de máis. Cando todo se resume niso: nacer, vivir e morrer.

Algúns escriben libros a esgalla para deixar constancia dos seus actos ó longo da vida. Seguro que tan só serán recordados polo nome ou alcume, polo lugar no que naceron e na forma de morrer. Nada máis. Tanta loita, tanto esforzo para un simple: morreu (ás veces nin dicimos o nome) o fillo de tal, que casara no quinto inferno, etcétera.

Outros pregoan as súas tarefas con orgullo e sorriso dentífrico, cando na realidade será recordado porque cometeu aquela falcatruada no ano da pera. E todos metemos a pata ata no bulleiro máis espeso. Ante todo isto, quedade con este epitafio: nacín, vivín e... morrerei. Un resumo moi sinxelo.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Luns, 28 de agosto de 2023

2 comentarios:

  1. Temos que ser nenos pesimistas, mirar polo noso planeta como se foramos vivir senpre!

    ResponderEliminar
  2. Pesimista eu??? Mira se son pesimista que estou convencido de que vivirei, polo menos, 123 anos. Polo menos!!!

    ResponderEliminar