martes, 12 de diciembre de 2023

DO PIZARRÍN Ó MÓBIL


Sempre se dixo e se di que a vida son dous días. Ou un suspiro. Ou moi curta. O que pasa é que, nese tempo, neses dous días, ocorren unha morea de cousas e non sei cantos cambios. Penso, por exemplo, nos obxectos da escritura.

Quen, dos da miña época, non lembra aquelas pizarras cos seus correspondentes pizarríns. A ver, si, tamén había o caderno, o lapis, o bolígrafo; pero a pizarra usábase máis para as matemáticas, por aquilo de borrar unha e outra vez as operacións, os resultados, os erros; coa manga do xersei, coa man, mesmo co cuspe.


Chegou a máquina de escribir e todo consistía en darlle golpes a unhas teclas que, dependendo da velocidade, incluso ás veces se trababan, se pexaban. Sobre tal máquina quixen facer mecanografía para escribir ben cos dez dedos, pero só aguantei oito días na academia. Menos mal que quen me vía escribir con dous dedos (os dous índices ou furabolos) alucinaba a causa da miña velocidade. A proba está en que, no exame de mecanografía para a oposición de auxiliares, empecei cos dez dedos, mais paseime inmediatamente ós dous para escribir máis rápido e sen erros.

Chegou a máquina de escribir eléctrica e o ruído minguou, esfumouse. As teclas eran as mesmas e os furabolos tamén os mesmos. Con estas eléctricas, iso si, corrixíanse moi ben os erros; sen deixar pegada. E cando chegaron os ordenadores, todo empezou a revolucionarse a velocidades incribles. Aínda que hai que seguir dándolle ás teclas. O mesmo que nos móbiles. Certo, a ortografía nestes é para alucinar e estudar.

Como se ve, na vida dos dous días, o proceso da forma de escribir tivo o seu aquel e semella máis que longo.


Café Beker. Ourense. Domingo, 10 de decembro de 2023

No hay comentarios:

Publicar un comentario