martes, 19 de diciembre de 2023

O METEORITO


As televisións amosan imaxes del. As radios só falan del. A prensa só escribe sobre el. E os parladoiros estudan, analizan e esbardallan sobre el. El é o meteorito que, segundo os entendidos, chocará coa Terra en sete días xustos. O meteorito é tan grande que, no choque, non só fará un buraco coma o da extinción dos dinosauros, senón que á Terra pasaralle exactamente o mesmo que lle acontece a un globo inchado cando estoura. Resumindo: que a Terra farase po, voaxa e deixará de existir como planeta.


Se todo isto acontece (que acontecerá, segundo os profesionais), adeus ó ser humano e a todo aquilo que non é humano. Adeus á vida e a todo o que é inerte. Adeus a todos os adeus e a todas as formas de saúdos e despedidas.

Ante tal panorama, a xente vive abatida, desanimada (normal) e tan só algún valente toma o acontecemento, a fin existencial a chacota. Xa van alá máis dunha ducia de suicidas e nas rúas impera o caos. Como nunha película apocalíptica.

Só algún heroe (eu mesmo) analiza a situación e busca e rebusca algunha solución. Sei que non a hai; como tamén sei que esperanza é o último que se perde e que non vou quedar de brazos cruzados. Opto, entón, por subir ó campanario da igrexa de Baños de Molgas para achegarme un chisquiño máis ó meteorito. Alá no alto, incho os pulmóns de aire e espero sen respirar estes sete días.

Pasada a semana, e cando o meteorito entra na atmosfera terrestre, sopro, expulso, deixo escapar con forza o aire que acumulei no peito e quen estoura, quen rebenta é o puto meteoro. Agora si, agora respiro xa con calma, moi suavemente e cun sorriso nos beizos. Acabo de salvar o planeta.


Café Beker. Ourense. Martes, 19 de decembro de 2023

No hay comentarios:

Publicar un comentario