viernes, 15 de diciembre de 2023

RESULTADO DO ABURRIMENTO


Como non teño que facer e estou aburrido, vou chamar a Aquilino, a ver se con el mato un pouco o tempo. Ola, veciño; son o fillo da Parraguesa. Que fas? Eu estou aquí medio aburrido e díxenme: vou chamar a Aquilino. E chameite. Nada, simplemente para parolar un pouco. Si, todos ben. E ti? Ah, mira que ben. Xa vexo que vives coma un rei. Eu tampouco me queixo. Para que.


Sabes que pensei cando me estaba erguendo da cama pola mañá? Que Feijóo e Abascal calzaban zapatos de tacón alto porque fan ou meten moito ruído. Mira ti por onde se me deu. Pero sabes que ás veces o primeiro pensamento é o que conta, o que vale. Ti que dis? Riste? Pois non che é cousa de risa. Non pinta nada ben o asunto.

Tampouco pinta ben o Celta. Pobre. Que dis, que che estou matando a cabeza? Home, non sexas así; aguanta un pouco. É que non sei que facer. E xa estou farto de mirar para os biosbardos e de pedirlle peras ó carballo ou landras ó castiñeiro. A ti paréceche que esbardallo un pouco, pero tan só é o efecto, o resultado do aburrimento.

Veña, home, non me deixes coa palabra na boca. Que son o fillo da Parraguesa, Aquilino; que non son un calquera; que ben tardes pasamos xuntos coas vacas en Pinouzos. Lembras o día que fomos ós niños polo Río Vello? Non atopamos nin o primeiro! Para min que os paxaros nos colleran medo. Ti que dis?

Me cago no mundo, colgoume de mala maneira! Nunca pensei que Aquilino me fixera tal desprezo. Que son o fillo da Parraguesa, carallo! Que non son un calquera!


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 13 de decembro de 2023

No hay comentarios:

Publicar un comentario