lunes, 18 de diciembre de 2023

O BALEIRO DUN SOÑO


Cada catro pasos que daba para adiante botaba un para atrás. Era coma un xaque mate de Sabina ou coma unha á rota de calquera das rulas que aniñan nas silveiras da memoria. As dúbidas estaban a rabuñar no camiño a seguir. Mesmo as cores dun arco da vella se esfumaban por entre as nubes brancas e negras do firmamento. Non tardei en vela. A ela.


Estaba sentada á sombra dun amieiro da beira esquerda do río Arnoia, coa cabeza ladeada e o peito movéndose. A súa ollada era gris e os seus xestos bambeaban incertezas, inseguridades que asomaban neses momentos. Era media tarde. A treboada pasara e dous arcos da vella asomaban.

Miroume sen verme e asustouse ante o agarimo das miñas palabras. Porque lle falei suavemente, polo baixiño. Porque intuín que o tempo sentaba á súa beira e sen trazas de pasar. Ela sabe que o tempo pasa e todo cambia, aínda que a ela non lle pasaba. Acariñei con tenrura a casca do amieiro e foi aí cando ela soubo que o xaque mate de Sabina era unha simple canción.

Ergueu. Moveuse. Movémonos. Sorriu disimuladamente. Deixei que cada un collera por camiños diferentes; ela polo esquerdo e eu polo do medio. Non tardamos en perdernos de vista. Non mer quedou outra que volver á ladaíña de catro pasos para adiante e un para atrás. Tres pasos que non ían a ningún lugar. Por moitos camiños que collín, ó final tan só atopaba o baleiro dun soño. Este si era un xaque mate existencial e definitivo. Os dous arcos da vella esfumáronse por completo e a chuvia volveu caer con forza. Axiña me puxen coma un pingo.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 14 de decembro de 2023

No hay comentarios:

Publicar un comentario