jueves, 12 de diciembre de 2024

CATRO VOLTAS Á ALMOFADA


Deille catro voltas á almofada e todo seguía igual. O insomnio cabalgaba sobre as entrañas das ideas e pensamentos. Cheguei a dicirlle que se comportase. Á almofada, digo. Puxéraa como a puxera, non me facía caso. Ás veces dáballe labazadas para adaptala, para axustala, para acomodala sobre as miñas imaxes, opinións, visións e ela seguía a espantar o sono.

Aínda que, se a almofada deu catro voltas, eu dei as mesmas e multiplicado por outras catro. Que se á novela barata había que meterlle máis intriga, máis acción, máis sentimentalismo. Que se o ruxerruxe da intelixencia borboriñaba sobre a ineptitude, a incapacidade do entendemento, ou do raciocinio. A verdade é que a intelixencia miña é pouca, mentres que o bulebule, o fervello da cabeza é moito.


En cada volta da almofada ía o tempo que se foi, a idade que non volve, os soños que, moitos, convertíanse en pesadelos e o silencio que, por momentos, sentíase derrotado polo ruído. Polo ruído dun ir e vir aloucado, efémero, mandón, covarde, todo mesturado nunha conciencia, por veces, fría e, ás veces, acalorada.

Catro voltas de campá dunha almofada que non se viña a razóns. Facía e desfacía ó seu albedrío nocturno. E a min non me quedaba outra que aguantar o chaparrada a base de versos por escribir, de ovellas por contar, de estrelas por admirar, de xogos por realizar e desexos por anhelos. Dezaseis voltas de campá dun insomnio meu que me levaba ó baleiro da realidade.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 11 de decembro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario