Lucrecia colleu un avión e marchou para París. Gervasio, como non tiña medios económicos para subir ó mesmo avión nin a outro calquera, colleu unha bicicleta e partiu detrás do avión. Xusto baixando o Padornelo case se esnafra porque, Gervasio, case non sabía andar en bicicleta e, para máis aquel, non lle tiña freos. Porén, conseguiu cruzar Zamora nunha hora. Tivo que pedalear moito e ben, pero fíxoo.
Lucrecia, no avión, deu unha cabezada e, de cando en vez, soñaba bonito. Non, non soñaba con Gervasio. Para que quería soñar con Gervasio? Ela non sabía que pintaba na narración do autor. Ela ía ó seu aire e aquí paz e despois gloria. Aterrou no aeroporto da capital francesa e iniciou a típica aventura de vivir a vida.
Gervasio cruzou a chaira castelá soñando tamén. El si soñaba esperto e o de bonito... era máis ben un esperpento. A soidade rabuñáballe na alma e as ansias de chegar a París eran tantas que suaba tan só co simple desexo. E non por chegar propiamente á cidade das luces (hoxe, con permiso de Vigo), senón por atoparse con Lucrecia.
A Lucrecia si quería que o narrador a metese na historia, na historia del, de Gervasio. Porque vivía por e para Lucrecia; desde que un día el viu o carreiriño do seu peito. Así de simple e así de sinxelo. E Gervasio perdeuse polos seus outeiros. Polos dela. Ela, Lucrecia, quere seguir allea ó que conte o narrador e ós desexos de Gervasio. Cando este deixou a bicicleta buscouna por París e polos confíns do universo.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Domingo, 15 de decembro de 2024
No hay comentarios:
Publicar un comentario