Deixo que a misericordia siga na caixa de Pandora para confiar nun trunfo sobre a derrota. Cada salaio é un instante e cada queixa un momento. E o tempo que corre, que pasa, que voa. Agora cada quen que lle busque tres pés ó gato. Eu busco a esperanza co cabalo de batalla de Juan Pardo e esperarei o veredicto con alma morriñenta e cun bambán eterno de ansiedade. Cada latexo é un poema e a soidade conforma toda unha novela.
Deixo que un espello me devolva a ilusión e que un folio en branco se encha con catro palabras de orballo. Orballo mesto, denso, espeso no que en cada pinga vai un pensamento e en cada pensamento o acaneadoiro leva todos os anhelos. Agora cada quen que saque a cobra da silveira. Eu saco realidades que foron e que me deixaron bailando un tango no medio dunha pequena canella.
Deixo que o silencio acale o ruído e que o ruído esmoreza para que a señardade se balancee, se abanee sobre o momento no que un soño foi máis alá dun invento, dunha descuberta. Que, ás veces, os soños fanse reais, aínda que, a maioría, quedan a expensas dunha esperanza efémera. Agora cada quen que ría coma un descosido ou que chore unha veiga tallada. Eu sento en silencio e, cando ergo, lanzo un berro seco.
Deixo que o berro se espalle polo universo. Por ese meu universo no que todo vai e vén, no que todo flúe ou afoga, no que todo acouga ou se apura, no que todo asusta ou afouta. Agora cada quen que escape pola estrema ou que quede para roer o pan reseso. Deixo que o silencio se deite sobre a melancolía, sobre máis silencio.
Finca Fierro. Barbadás. Domingo, 22 de decembro de 2024
No hay comentarios:
Publicar un comentario