COMPARA AS SÚAS ACTIVIDADES CO PEIXE
O Juan
da Angelita, o Moncho da Dundina, o José da Alicia, o Moncho de dona Nieves, o
Pedro da Marina. Persoeiros que xa asomaron nestas Testemuñas e que, como se
ve, os seus nomes sempre van acompañados por unha muller, xeralmente a nai.. Tócalle
a quenda agora o Miguel da Clarisa. A quen? A Miguel Domingo García Martínez,
que se non fora pola foto que acompaña á reportaxe, seguiriamos nos biosbardos
para saber de quen falamos. Claro que, coa foto, e se digo Miguel de Lira,
entón si, entón gran parte dos lectores xa saben quen é, e se a maiores digo
que é o famoso Currás de “Mareas Vivas”, quieto parado!, acabáramos!, haber
empezado por aí, home!
Cando
empecei a saber de Miguel de Lira foi por iso, polas “Mareas Vivas” e porque,
como gran afeccionado ó cine, empecei a ler abondas noticias sobre el, pero
sempre coa dúbida do seu apelido cinematográfico: Lira. Será o seu auténtico
apelido ou será o nome desa aldea que ten un dos canastros máis famoso de toda
Galicia? Como a Internet tardou en aparecer na miña vida, non tiven a opción do
San Guguel. Ata que un día, un servidor veraneou (ás veces teño algún dereito a
veranear) a esa aldea famosa, porque alá, o meu colega de batallas laborais ten
unha casiña que, moi amablemente, nos deixou durante varios anos. A ver, para
que son os compañeiros e amigos!
Xa foi
no primeiro ano cando, estando tomando uns cafés no bar Xouba vin como entraba
pola porta Miguel de Lira. Zas! Xa está! O apelido colleuno de aquí! Seguro! E
de aí o colleu. Porque Miguel de Lira naceu nesa aldea de Carnota no ano 1964.
Comezou no mundo da interpretación cando estudaba Dereito en Santiago de
Compostela; seica foi Paco Bixou, o instigador da formación de Chévere (grupo
de teatro) o que o rescatou da facultade porque “era caralludo e moi gracioso”.
Presentáronlle a un inglés que andaba por Santiago e que os animou a facer
improvisacións e xogos que en 1987, despois dun taller de teatro, xerminaron no
grupo citado, no Chévere.
Cando
Miguel de Lira tiña intención de marchar a formarse fóra da nosa Comunidade,
atopouse cun curso impartido polos profesores da Real Escola Superior de Arte
Dramática (RESAD) de Madrid, do Instituto de Teatro de Barcelona e de Sevilla. No
que dura a xestación dun embarazo fixeron unha especie de grao acelerado en
interpretación. E de aí, como di el, saíron actores tan importantes como María
Pujalte e Víctor Mosqueira. Lembrade que este último xa asomou nestas
Testemuñas, cando falei do dúo Mofa e Befa.
A partir
de aí, Miguel de Lira alternou o grupo Chévere coa televisión e co cine. El
mesmo confesa que como home nado á beira do mar, compara as súas actividades co
peixe: “O teatro sería peixe fresco; a televisión peixe conxelado; o cine peixe
enlatado. Os tres teñen as súas cousas”. E tanto que a teñen! Dunha maneira ou
doutra, ó espectador fanlle vivir vidas que nin se imaxinaba, fanlle ver a
mentira máis verdadeira e a verdade máis mentireira.
Como
dicía ó principio, a popularidade chégalle con “Mareas Vivas”, pero á marxe
desa serie, Miguel de Lira é moito máis que Currás, moitísimo máis. Participou
en múltiples proxectos, desde series na TVG e incluso en Antena 3 (“Os homes de
Paco”, por exemplo) ata películas cinematográficas dun moi bo nivel, como poden
ser “Urxa”, “Entre bateas”, “O lapis do carpinteiro”, “Galatasaray-Dépor, “Os
mortos van de présa”, “Os xirasoles cegos”, “Crebinsky” (premio mellor actor
nos Mestre Mateo de 2010), “Somos xente honrada” (outra vez mellor actor nos
Mestre Mateo de 2013), “A esmorga” e “Os fenómenos”. Con esta última ata o meu
fillo Xoel quedou alucinado con el (e iso que non traga o galego, manda
carallo!). Con “A esmorga” volvino ver fisicamente unha noite de rodaxe no
casco vello de Ourense.
Na
actualidade podo presumir un pouco (e vaia se presumo!) de telo como amigo nas
redes sociais. Porque, para min, tamén si é “caralludo e gracioso” e, como
cinéfilo que son, un actor deses ós que lle dicimos “de moito pendello”, “de
manda chover na Habana”.
Café
Oren Express da Valenzá. Martes, 15 de marzo de 2016
Publicado en La
Región o 20-05-2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario