Vivimos
nun país no que hai que ter bemoles para iniciar unha actividade cultural. Para
iniciala e para levala a cabo durante anos xa. E nin tan sequera meto polo
medio o tan famoso e maldito 21% do IVE. Auténtica atrocidade e sangría. Pois
aínda así, hai xente que, con axudas ou sen axudas, lánzase ós ruedos, non como toureiros, senón como
auténticos bois bravos. Que foi o que fixo Andrés Rodríguez Yáñez alá polo ano
1995. Agora mesmo non me sabe dicir se foi a alegría do nacemento da súa filla
ou a tristura do falecemento do seu pai nun desgraciado accidente o que o
motivou a formar un grupo de teatro. Ó mellor foi a mestura dos dous
sentimentos.
No
colexio Santo Ángel do barrio do Couto da cidade das Burgas empezou a fraguar
unha escola de teatro para persoas de todas as idades, sen excluír a ninguén,
nin tan sequera non tendo dotes interpretativas e aceptando, por suposto, a
persoas con discapacidade tanto física como psíquica. Para un servidor, un gran
tanto ó seu favor, pois faime lembrar o club de baloncesto dos meus rapaces (o
ABO), no que lle dan cabida a todo aquel que lle guste o mundo da canastra,
saiba ou non poida xogar.
Andrés
colleu o asunto da escola tan a peito que axiña formou varios grupos: dous de
introdución á arte dramática, un grupo infantil, outro grupo para adultos e, o
máis serio, o máis profesional, o Caixadesastre. Este leva 11 anos xa, desde
2005, co que, pouco a pouco, paso a paso, representación tras representación
empeza a acumular premios teatrais, tanto a nivel provincial como autonómico e
incluso nacional. Aí é nada!
Caixadesastre,
hoxe en día, ten dúas obras circulando por aí: “Soños”, un drama que xira ó
redor do secuestro dunha rapaza, mentres o seu noivo desespera pola súa
ausencia. Está baseada nunha mítica canción de Pink Floyd: Wish You Were Here. Con esta obra acadou premios polas
interpretacións e o Buero á mellor obra.
O
outro traballo que teñen sobre as táboas é “Soldados de chumbo”, polo que
coñecín a Andrés, o día que presentou a obra na casa de cultura da Valenzá.
Outro drama no que se mestura o maltrato de xénero, o maltrato e abusos
infantís, a relixión, a homosexualidade, os celos e ata o asasinato.
O
dito: escola de teatro, varios grupos, pero o líder, o argalleiro, o condutor é
Andrés Rodríguez Yáñez, nado en Loiro, Barbadás. Os estudos iniciounos na
escola das Teixugueiras, en Cartelle, porque era onde a súa nai, mestra, daba
clases. Ó rematar a escola quixeron amarralo no seminario, pero non lle debeu
gustar nada o ambiente que fuxiu axiña para Os Milagres, outro de curas. Pero,
que queredes que vos diga; todo o que sei hoxe é grazas a don Graciliano e ós
curas dos Milagres. Así é que, outro tanto a favor de Andrés: que estudou onde
eu me tirei toda a infancia e adolescencia. Aínda máis, unha veciña de Baños de
Molgas é natural das Teixugueiras. Todo ata. E se hai teatro, ou sexa, cultura
polo medio, aínda máis.
Foi
alí, nos Milagres (onde, se non?) onde di que medrou a súa forma de ser (é que
o aire do Medo...) e onde empezou a coquetear co mundo da interpretación.
Bendito colexio! Despois estudou maxisterio en Ourense e diplomouse en
Educación Infantil en 1987. Tamén pasou pola UNED de Pontevedra para facer
pedagoxía. E xa na actualidade, o que se intúe desde o principio: mestre de
educación infantil no Santo Ángel. E algo máis... condutor, responsable dunha
arte que, ó abrirse o pano de calquera escenario, os soños fanse realidade na
acción e no espectador.
Café
Oren Express da Valenzá. Martes, 8 de marzo de 2016
Publicado en La
Región o venres, 06-05-2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario