martes, 24 de mayo de 2016

DEIXA CORRER O TEMPO


            Corre a modiño polas follas que marcou o tempo e deixa que as raíces da nostalxia se deiten entre as follas dun libro aberto. Culturiza a ansiedade dun desexo para que unha chea de pensamentos furguen entre a memoria dos invernos. Daqueles invernos nos que as noites eran eternas e os sentimentos... sentimentos. Deixa que chova sobre a almofada do poema ou sobre a colcha da novela. Que máis dá como vaia a palabra se sempre remata coa idea que naceu nun instante de silencio. Hai músicas que veñen en ringleiras para marcar as pautas ou os ritmos dunha vida chea de asubíos. Co bonito que é asubiar por entre a néboa do entendemento. Aínda que os hai que non entenden a páxina branca dun caderno. Mal detalle non saber que dicir no libro que queres escribir.
Corre a modiño polo ideario dos días que pasan e que non volverán. Sempre haberá sementes que xermen e que ningunha praga conseguirá dobregar ante a inclemencia, a impiedade dunha ditadura que aínda está. Deixa correr o tempo. Non obstante, de cando en vez, mira para atrás e verás a distancia entre un suspiro e un consolo, entre un bulebule e unha pausa, entre a semente e o froito. Deixa correr o tempo.


            Finca Fierro. Martes, 24 de maio de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario