domingo, 23 de julio de 2017

O SALTÓN LISTO


    Quere o ceo deixar caer lágrimas de orballo pero un saltón proxecta as súas antenas cara ó nordés e aí xa non houbo volta de folla, aí detívose o tempo. Hai saltóns que teñen moito poder disuasorio; deixan que fagas o xesto de cazalos e xusto cando lles intentas botar a gadoupa, zas, son eles os que te deixan cos fociños dunha cuarta. Nesta vida de papalastráns hai saltóns moi listos.

Quere a terra recibir lágrimas de orballo para ter a esperanza de formar unha lagoa; pero un saltón chouta de palla en palla, de herba en herba e forma un pequeno dique nunha caldeira. El quere que a lagoa se forme aí, precisamente aí. Pero tanto o saltón (o listo, se entende) coma os paspáns quedan coas ganas de ver caer lágrimas de orballo. Porque nin tan sequera hai unha nube negra con que alimentar esta seca. O saltón listo baixa as antenas, acocha entre unhas pallas, entre unhas herbas e espera a que, algún día, o ceo cambie o seu estamento.

    Finca Fierro. Domingo, 23 de xullo de 2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario