O normal é que os poetas
reciten versos e os cantantes canten ou toquen música. O dúo feminino Aldaolado
recitan temas musicais e musicalizan fermosos poemas. Dunha maneira ou doutra,
fano estupendamente. Presenciei a súa actuación o xoves, 17 de agosto, no
parque da Solaina da Valenzá e xa no primeiro tema me engancharon de tal
maneira que axiña sentei na herba do parque para escoitalas a gusto. Logo, ó
final, cando as quixen coñecer persoalmente e cando elas souberon case ó
momento de que era de Baños de Molgas (gozo puclicitando a miña vila),
confesáronme que actuaran alí o ano pasado. Aínda lembraban os parques Ansuíña
e As Mestras. Como comprenderedes, foi dicirme isto e confesarlles que acababan
de entrar neste Testemuñas da Memoria.
Desde o primeiro momento
imaxinaba un recital en plan serio, porque, a ver!, a poesía sempre tivo fama
de seria, de sentimental e ata de carraxe ou de protesta. Poida que sexa así…
ata que chegaron Aldaolado. Porque non soportan a idea dun poeta aburrindo ó
público cos seus textos. Lucía Aldao dicíalle á súa amiga María Lado, cando se
coñeceron, que lle gustaba moito recitar pero que en moitas actuacións
aburríase como unha ostra e que non sabía como cambiar iso. “A ver, Lucía, ti e
máis eu que sabemos facer ben?”. Esta mirouna estrañada e díxolle cun medio
sorriso na cara: “Ir de festa, non si?”. “Pois iso! Daquela temos que facer do
recital unha festa!”. “Que caralluda es, María! Onde estea un cubata que se
quite un soneto!”. E con esta marabillosa frase naceu o seu primeiro gran
espectáculo.
Como testemuña da súa
actuación na Valenzá confeso que é un auténtico espectáculo velas en escena. A
verborrea de María, as súas laretadas fante rir aínda que non teñas ganas.
Claro que, ás veces, ata me compadecía un chisquiño de Lucía porque á súa
compañeira e amiga non lle deixaba meter baza. Non obstante, vese e nótase ás
leguas que se compaxinan moi ben. Normal, levan xa 15 anos xuntas e 12 cando
inventaron un formato de lectura (“o aldaolado”) no que cantan as súas cancións
favoritas, contan historias abondo simpáticas que teñen que ver cos seus
poemas, a literatura ou a súa azarosa, aventurada vida de escritoras. Tamén lle
propoñen ó público que se convertan en autores dadaístas a través de divertidos
xogos. Como elas mesmas din: “o que faga falta para que o respectable asista a
unha velada chea de poesía, emoción e divertimento”. Prometo que divirten. Cos
seus poemas cantados e coas súas cancións recitadas.
Lucía Aldao e María Lado
coincidiron por primeira vez no mes de novembro de 2002 nun congreso da
Asociación de Escritores que se celebraba en Mondoñedo, xusto o mesmo día no
que o Prestige seica deixaba escapar os “hilillos” de Mariano Rajoy nas costas
galegas. Menos mal que para este dúo o encontro non foi unha desgraza, un
afundimento, senón que aboiaron marabillosamente para as xentes que amamos a
poesía e a música.
Empezaron con vídeopoemas
e con actuacións que lles custaban os ollos da cara e que eran “un cristo de
carallo”, en clara referencia ós aparellos que había que instalar escenario
tras escenario e que, moitas veces, lles fallaban. Así é que pouquiño a pouco
decidiron cargar só cos seus poemas, unha guitarra e moitas risas. Suficientes
para facer gozar ó público. Os lugares das súas actuacións tamén teñen o seu
aquel; desde igrexas ata muíños, desde parques de bombeiros ata barcos, pasando
por vodas e bautizos, museos e institutos, cafés e casas de cultura… ata o
Luar.
María Lado naceu no taxi
número 124 de Cee a noite do 14 de abril de 1979 camiño de Compostela. Como de
neniña quería ser Agatha Christie, pensou que escribindo ó mellor conseguíao. E
niso anda, aínda que o que máis escribe é poesía. Con esta iniciouse entre as
xentes do Batallón Literario da Costa da Morte, onde participou das tres
antoloxías poéticas editadas do colectivo. Publicou xa varios libros
individuais, un conto para nenos e a novela “Entre os dous hai un río”. Conta
con numerosas colaboracións en volumes colectivos de diversa índole. Os seus
textos xa se publicaron ó castelán, catalán, portugués, ruso, croata e
irlandés; aí é nada!. É guionista de radionovelas, dirixiu versións teatrais de
contos e en ocasións convértese en actriz. Unha todoterreo.
Lucía Aldao naceu no
mítico barrio dos Mallos, na Coruña, en 1982, e empezou a recitar por todos os
lugares habidos e por haber á idade de 16 anos e baixo a tutela desa marabilla
chamada Yolanda Castaño. A súa obra aparece en diferentes publicacións
periódicas, así como en varias antoloxías. No 2005, publica o volume “Un ducia
(máis un)”, acompañando os poemas con fotos do arquitecto Luis Muñoz. Colabora
en programas de radio e televisión. Como cantante leva desde o 2004 ofrecendo
concertos por toda Galicia e nos escenarios máis variados. Logo, iso si, tamén
ten que aguantar as bromas de María. As dúas ofrecen un cabaré lírico de
auténtico prestixio.
Café O Chicote da Valenzá.
Luns, 4 de setembro de 2017
Publicado en La Región o venres, 06-10-2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario