lunes, 9 de octubre de 2017

ESPERPENTO REI E SEÑOR


 
            Penso que podo ser a solicitude esperpéntica dun soño que nunca soñei. Solicitude que cubro, dato e asino nunha mañá de mediados de mes, por exemplo. Solicitude que levo nunha carpeta azul para un despacho cheo de poemas en branco, nos que cada verso imaxinado é coma un currículo sen experiencia. Non todos os días a rima en asonante nos leva xunto a unha lareira nunha noite eterna. Tempos nos que soñar carrexaba escribir toda unha novela.
Quero ser a solicitude na que pido unha axuda por todos os encordios cos que me recompensaron os que non saben ler nas letras impresas. Hai moitas formas de dicir que o esperpento é aquel que non nos deixa indiferente. Son xa a solicitude que se aparcou nun arquivo que nunca máis se vai revisar, que ninguén vai buscar nin, moito menos, abrir. Así é que non queda outra que criar voaxa por entre os versos que nunca se soñaron escritos. A escuridade imperará como o esperpento nunha praza pública sen público. A couza, a traza comerá toda a solicitude na que se pedía axuda polo desatino do ser humano. Hai moitos seres humanos que pensan que son seres humanos. É aí onde o esperpento se fai rei e señor de todo o poema. De todos os poemas.

            Finca Fierro. Luns, 9 de outubro de 2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario