viernes, 13 de octubre de 2017

O EMBIGO DO MUNDO?



            Ala vou. A onde? A ningures. Son dos que digo e non fago, dos que marcho e quedo quieto, dos que asubío e non canto, ou ó revés. Que si. Que hai flores que nacen en esterqueiras. E hai estercos que queiman as flores. Non todo é o que parece. Ás veces, que raio, non é nada. Pensas que es o embigo do mundo e nin tan sequera es o ollo do cu. Erramos naquelas cousas que máis queremos. Ou que máis desexamos. Tampouco é que as busquemos moito. Esa é a verdade. Todo hai que dicilo. Se non dicimos as cousas non se saben. É mellor dicilas aínda que non signifiquen nada. Dicir algo. Que non digan que non sabemos se subimos ou baixamos. Sabemos, sabemos; o que pasa é que… que carallo lle importa ó que pregunta.
Ós galegos, tamén é certo que se nos dá a gana quedamos quietos. E punto. Aquí estou. De onde ves? De ningures. Moitas veces nin tan sequera sei onde estou, como vou saber entón de onde veño! E se o sei, a ti que che importa, home, a ti que che importa. Veño de alí, vou para alá, estou aquí. Que máis dá! Móvome, estou quieto, é igual. Non todo consiste no interese de saber. Case é mellor non saber nada.

            Finca Fierro. Xoves, 12 de outubro de 2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario