Sentei á sombra dun salgueiro e estiven á espreita de ver pasar algo; aínda que só fosen algúns biosbardos ou uns cantos esperpentos, pero non pasou nada. Levo media hora esperando e o único que pasa é o tempo. O mesmo tempo en cada momento. Non obstante, a min os minutos fánseme eternos. O salgueiro está á beira dunha lagoa e a lagoa está no medio dun bosque. Empezo a desesperar porque nada pasa, nada acontece e a soidade reina. Case me dan ganas de tirarme á lagoa e mollarme. Tampouco me importaría afogarme. Sería unha morte gloriosa e gozosa, moi gozosa.
Casemente é mellor que erga e que bote a andar. Máis seguro que non existan os biosbardos nin os esperpentos de Valle-Inclán. A memoria é efémera e tan só lembramos aquilo que máis nos convén. Agora mesmo, eu penso nesa voz tan especial e tan característica de Tom Waits. Boto, logo, a andar e deixo atrás a sombra do salgueiro. Tardo en saír do bosque porque este é inmenso e cheo de latexos de seres que van e veñen polas corredoiras do silencio. No bosque hai silencio e desexo, moito desexo. Cando conseguín saír desa selva mesta, fíxeno saciado e cun brillo especial nos ollos. Ós pouco metros vin, alá, no outeiro, os biosbardos que buscaba. Por vinganza, nin os saudei. Quixen demostrarlles que tan só era eu o rei do mundo, dese mundo esperpéntico que non respecta doutrinas nin sentimentos. Subín ó outeiro e, logo de contemplar a cobiza selvática, cantei todo un álbum de Tom Waits.
Café Kibu. A Valenzá. Luns, 23 de agosto de 2021
No hay comentarios:
Publicar un comentario