Pintei as uñas de cor salmón, díxolle ela a el. El quedou coa boca aberta e case sen reaccionar porque sabía de certo que o salmón é un peixe. E para el só hai dúas cores: branco ou negro. Tamén é verdade que non sabe de que cor é o salmón. Ó mellor é branco. Ou pode que negro. El nin tan sequera sabe que o arco da vella ten cores; tan só ve un arco no ceo e nada máis. Ela sente mágoa, algo de pesar por el e, con agarimo, deixa que a súa man dereita acariñe a meixela esquerda del. Ela nota e ve ó instante un leve brillo, un certo resplandor nos ollos del. Ela nota e sabe que o corazón del está a piques de estoupar. El non sabe cal é a cor do tomate, pero sabe que lle arde a cara. Pobriño, pensa ela. Ata poida que o murmurase.
Ela ensinoulle por varias veces as uñas coa cor do salmón. El non sabía dicir se eran negras ou brancas. O único certo é que lle gustaban así. De verdade que é así o salmón?, preguntoulle el. Ela volveu pasar a súa man pola cara del. El fervía de ansiedade e non sabía onde meterse. Ela abriu os seus beizos nun gran sorriso para tranquilizalo. El tremía de nostalxia. E brillábanlle os ollos coa emoción.
Os dous, collidos da man, foron buscar unha escaleira para subir ó arco iris. Pasearon dunha punta á outra polas sete cores, aínda que el seguía sen saber que cores había. El, agora, vía todo branco; porque a felicidade é de cor branca. Ela, agora, sentíase a almofada sobre a que durmían os soños del. Seguiron paseando, collidos da man, polas cores do arco da vella.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 25 de agosto de 2021
No hay comentarios:
Publicar un comentario