martes, 31 de agosto de 2021

A RUTINA DOS CHURROS

A comarca dos Milagres ou do Val do Medo ou do Alto Arnoia sempre foi agrícola, labrega. Hoxe segue a ser o mesmo, pero con moitísima menos xente. Nas décadas dos 60 e 70, un labrego, para poder asistir ás novenas dos Milagres, maioritariamente tan só tiña unha opción, a de asistir á primeira novena do día, á das sete e media, xa que despois tiña todo o día ocupado co seu gando e coas súas leiras. Certo que, se había algunha ocasión (ou ben porque algún día se podían permitir o luxo de non traballar moito, ou ben porque se repartían o traballo cos cónxuxes ou fillos), optaban, por suposto, por outra hora calquera, por aquilo de non madrugar moito. Pois para ir, polo menos desde Baños de Molgas deica o santuario, cumpría sobre unha hora, o que significaba que, entre preparación e camiño, non quedaba outra que erguerse ás seis da mañá.

Debido precisamente a este madrugón, moitas veces os pais compadecíanse dos cativos (aínda que, estes, á noite anterior pedisen e pregasen que os chamasen para ir á novena) e deixábanos durmir. Pero algunha que outra mañá, ou varias, si que nos levantabamos porque, non sei, facía así como certa ilusión o madrugar e ir de parola polo Medo arriba. Ou simplemente o detalle ese de “ir á novena, á primeira novena”. Así tamén podías alardear ante os amigos que madrugaras. Eramos así.


Non obstante, se saquei á palestra a primeira novena do día foi pola rutina dos churros. Resulta que ó saír do santuario e xa de volta para a casa, algúns, moi pouquiños, mercaban media ducia, ou como moito, unha ducia de churros na sempiterna Churraría Lolita. Sinceramente, iso era un calvario para min! Porque a miña familia (e como moitas) todo o que se relacionase con tendas, é dicir, con pagar por algo, estaba máis que prohibido. De cando en vez, algunha alma caritativa ofrecía algún churro (ós nenos tan só, que non había que desperdicialos) que, para máis aquel, eu rexeitaba por vergonza ou pola ladaíña aquela de non coller para non ofrecer. E nós non tiñamos nada que ofrecer. Maldita sexa, íaseme a vida vendo como os comían e tiña que rexeitar o que me ofrecían! Neses momentos era cando pensabas se realmente a Virxe facía milagres. Que ía facer! Como non ía perder entón a fe! Agora ata te agasallan con algún churro cando tomas un café. Agora. Porca miseria!


Finca Fierro. Martes, 31 de agosto de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario