lunes, 9 de agosto de 2021

A GRAZA

A bamba” é unha canción tradicional mexicana que asomou polo ano 1863, de autor descoñecido, e que, ó longo dos tempos, tivo diversas versións. As máis coñecidas son as de Ritchie Valens, Los Lobos e Trini López. Polo atallo, camiño da Valenzá, escoitei a de Trini López, que dicía que para bailar a bamba necesítase un chisquiño de graza. Non sei bailar a bamba e creo que tampouco teño graza. Non sei se é difícil bailar a bamba, pero si sei que é moi complicado ter graza. Non a ten calquera. A graza é como a comedia. É moi difícil facer rir. Eu incluso o noto moito na miña afección cinematográfica: que moi poucas películas e moi pouquiños autores teñen o seu aquel para facernos rir ás gargalladas e a esgalla diante dunha pantalla branca ou televisiva.


Ó ser humano creo que lle sae máis de súpeto o demo que leva dentro que a graza que se nos presupón. Si, é verdade, ás veces chega un simple sorriso para facer despegar o noso ego con certa graza. E sei que hai sorrisos que fan rebentar os corazóns. Pero tamén hai miradas que matan, claro. Certo que a graza non ten porque estar nos sorrisos ou nos chistes (é máis, non está); a graza ten que levala xa un dentro de si. Hainos que a teñen; pero moi poucos.

Trini López tamén di que se precisa, a maiores dunha pouquiña de graza, “outra cousiña”. Aquí, na “outra cousiña” é onde podo ter eu algo, onde podo ter opcións. Que, realmente, non sei a que se refire, pero... eu sempre intento tirar polo lado da retranca.


Café Kibu. A Valenzá. Luns, 9 de agosto de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario