A min tamén me gustaría correr un maratón. Desde o sofá da casa. Alguén se riu ante esta opción, porque seica non é posible. E ese alguén mesmo me mirou medio burlón. Eu mireino de fronte e díxenlle que me vía capaz, que me sentía capaz de facelo, de correr os 42,195 quilómetros. Nin tan sequera esperei a súa resposta. Collín unha camiseta vella, unha que acababa de usar precisamente para coller as patacas e que estaba, por suposto, xa moi suada. Puxen un pantalón curto da cor da flor do toxo e saín de Baños de Molgas ás 17:34, nin minuto arriba nin minuto abaixo. Cando levaba máis ou menos tres quilómetros pensei no sofá e xa estaba algo arrepentido de aceptar o reto da ollada burlona do tipiño aquel. Pero seguín correndo e suando xa a cachón. Aínda quentaba de carallo.
Como non tiña contrincantes, como ninguén me apuraba, no quilómetro 10, sentei enriba dun valado para coller algúns folgos e o puto sofá asomaba nunha viñeta por enriba da miña cabeza. Ó pouco seguín correndo. Mentres corría, pensaba. Mentres pensaba, soñaba. E mentres soñaba, seguía correndo. Deille varias voltas ás pistas do monte Medo. No quilómetro 25 acordeime de todos os parentes dese alguén que me retara. No 30 desexaba a morte de todos eles. Mais seguín co reto. Atravesei bosques e lagoas, e castros e aldeas. Cando, por quinta vez, crucei o río Arnoia cheguei a soñar incluso coa Perla Negra arribando á presa da Porfía. Seguín correndo. No quilómetro 38 máis que correr, andaba. No quilómetro 42,190 rinme polo baixiño daquel que me retara. E xa nun suspiro, crucei a meta.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Sábado, 7 de agosto de 2021
No hay comentarios:
Publicar un comentario