Durante uns longos minutos quedei coa ollada perdida e custoume un mundo atopala. Quedar sen mirada ten o seu aquel, non é cousa de rir, non é cousa de pouco. É, simplemente, un problema moi grande. Ó perder a mirada hai que facer un plano ben feito, unhas rutas, uns itinerarios ben sinalados para atopala de novo. É que cando un queda coa ollada perdida, o problema está en que non sabes onde a perdiches, onde a perdes. Miras e non ves.
Imaxinade que non consigo atopar esa ollada que perdín. Que vexo? Non vexo nada! Como moito, o baleiro tan só. Non poder ver como chove ou como hai sol, como se bambea un salgueiro ante a forza do vento ou como se moven as agullas do reloxo da igrexa de Baños de Molgas é como morrer un pouco. Non ver como florece o toxo, como canta a rula, como empreña a vaca, como mente o político, como marca un gol Iago Aspas ou David Ferreiro é como vivir sen vivir.
Visto o visto, o mellor é non deixar perdida a ollada, nin tan sequera nun punto concreto; non vaia ser que non o atopemos. Se ese punto concreto está lonxe... xa sabemos que a vista engana moito e non vaia ser o demo que tal punto non sexa tan concreto, tan preciso.
Visto o visto, toca mirar sempre cara á adiante; e ben. Tamén se pode mirar para atrás; pero ben. O caso é non deixar a ollada perdida. Sempre hai que buscar algo. Un punto de apoio. Un obxecto no que apoiar a conciencia, as ansias, os desexos, as ganas. Todo.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 21 de febreiro de 2025
Foto: Campanario da igrexa de Baños de Molgas (Ourense)
No hay comentarios:
Publicar un comentario