lunes, 24 de febrero de 2025

CADA LOUCO CO SEU TEMA

 

Un salouco que, quizais, non proceda. Un reloxo que marca os cuartos. Un coche medio escarallado. Un ronsel no ceo e medio arco da vella. Un salgueiro florido. Unha pelota redonda e un balón ovalado. O mazadoiro da burga. Unha escaleira de pedra. E Luis Eduardo Aute dándolle á tarabela. Queren os elefantes bambear sobre a arañeira? Quere o infinito seguir deica o máis alá ou volver para acá? Quere o desexo amortecer as ansias da ansiedade? Quere Jason Bourne recuperar a memoria? Quere Mad Max unha lata de gasolina?

Quero ser o heroe dos nobelos que se enlean por si mesmos e o Jack Sparrow que navega coa Perla Negra polos océanos da esperanza. Quero ser o folio en branco e o bolígrafo negro que escribe azul. Quero ser o móbil gris que ensina palabras brancas coas que a alegría vai por barrios. Quero ser a gaiola sen barrotes e o país sen fronteiras. Quero ser a bandeira galega e o berro que se solta desde un dos outeiros do peito.


Un latexo. Un canastro na aira. Un campo de fútbol. Un libro de filosofía. Un raíl da vía do tren. Un vagón de tren que non se move. Un movemento que se si se bota a correr. A carreira que leva a Vazcovaz. Unha vaca parida. Un boi en celo. Un burro que ornea. Un caderno cheo de letras. Un berro seco. Outro berro seco. Un terceiro berro seco. Por que de noite todos os gatos son pardos? Por que a lúa se acocha tras unha nube branca? Por que temos que soportar a Donald Trump?

Cada louco co seu tema e cada tema co seu esperpento. Que non todo o monte é ourego. Ás veces é un mar de toxos amarelos que enchen a alma de anhelos. O dito: cada louco co seu tema.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Sábado, 22 de febreiro de 2025


Foto: Vagóns parados na Estación de Baños de Molgas (Ourense)

No hay comentarios:

Publicar un comentario